Entérate das novidades da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga.
Como complemento do Día Internacional dos Museos, o Consello dos Museos de Francia ideou en 2004 a celebración da Noite dos Museos, no sábado máis próximo a aquela data do 18 de maio, coa finalidade de abrir os museos aínda máis á sociedade por medio dunha serie de actividades a realizar en horario vespertino e nocturno.
A Noite dos Museos, á que o Museo do Castro de Viladonga se sumou desde o seu comezo coa imprescindible colaboración da súa Asociación de Amigos, converteuse nun atractivo máis para utilizar e deleitarse co patrimonio cultural, neste caso vinculado a un xacemento arqueolóxico, por medio de actividades culturais e sociais que coadxuvan a aquela integración e sinerxía entre museo e sociedade que o ICOM potencia con estas conmemoracións.
O 19 de maio de 2023, a Asociación de Amigos colaborou nesta celebración organizando e sufragando os gastos da actuación do grupo musical (coral, instrumental e de danza) Son de Corda, de Lugo, así como dos habituais petiscos e queimada nocturna.