Como chegar ao Castro Asociación de Amigos do Castro de Viladonga

Últimas Novas

Entérate das novidades da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga.

Celebrada a Asemblea Xeral (virtual) da Asociación - 2020

A causa da situación sanitaria producida pola pandemia Civid19 e con carácter excepcional, a Asociación de Amigos do Castro de Viladonga celebrou "a distancia" a súa Asemblea Xeral Ordinaria anual o sábado 28 de novembro de 2020, por medio do envío previo, por correo electrónico ou postal segundo os casos, da convocatoria coa Orde do día acompañada da documentación pertinente, así como dun Formulario para emitir o voto nos asuntos que así o requiren. Consideráronse asistentes á Asemblea as persoas que por correo electrónico, postal ou por calquera medio oral ou escrito expresaron a súa vontade de participar, emitindo ademais o seu voto nos temas que o requerían, así como calquera outro comentario, rogo ou pregunta considerados oportunos.

Seguindo a Orde do día aprobáronse as actas das asembleas anteriores, así como a breve Memoria de actividades da Asociación no último ano, marcado obviamente pola pandemia que afectou ó funcionamento normal tanto da Asociación coma do Museo.

Aprobáronse tamén sen emendas o Estado de contas e peche do exercicio desde 1-10-2019 a 30-9-2020 e o Orzamento e as actividades previstas para o mesmo período de 2020 a 2021, marcadas loxicamente así mesmo pola situación sanitaria  de cada momento.

Deuse conta das altas e baixas na Asociación no período anual, contando a entidade na data da Asemblea con 181 membros ordinarios e 7 de honra (3 deles a título póstumo).   

Como é habitual incorpórase á acta da Asemblea o Informe da dirección do Museo  sobre as actividades realizadas neste e os traballos levados a cabo no Castro no período de referencia. 

A Asociación agradece, coma sempre, a participación e colaboración dos seus membros.